SER UN MESMO
Antón Castro
Catálogo de la exposición en Durán Loriga, octubre de 1987.
A fluidez é a densidade, a investigación no tecido de fondo da pintura máis cálida e expresionista —no senso clásico— dos oitenta salvou, moitas veces, o percorrido actual que se facía da historia. Este é, sen dúbida, o caso de Artiaga, que partiu dos referentes recuperados da particular maneira de concebi-la arte, nun ponte xa lonxano, entre Centroeuropa e a Galicia do primeiro tercio de século. Sen embargo, os vellos emblemas poideron dinamiza-lo seu ritmo, desvirtua-lo camiño dos dogmas, romper esquemas, liberarse, xustaporse ou asociarse nos anacos fragmentarios doutra manualidade placenteira que chega a xungui-la ironía polkiana, o dripping dionisíaco dos “action painters” e a pastosidade incendiaria do Atlántico, o Norde primixenio é as veces brutal da liña desexada entre Cobra e o litoral galego.
Ó final, un descubre o horizonte único de Artiaga, sen confusións, barroco na concepción do espacio, marítimo na humidade fresca do xesto, da atmósfera e das imaxes. Xa non importa a confrontación cálida e virulenta da moral que se rompe ñas texturas amarelas ou vermellas e azuis; atráenos a cadencia reflexiva que, pouco a pouco, permite descubrirnos, na oscuridade, uns carros de combate.
Un efecto soamente, a disculpa dun icono que pretendía ser contestatario e que, ó final, quedou convertido en pintura, nunha visión abstracta da realidade que fuxe cada vez máis dos vellos emblemas. Xa non hai metafóricos títulos, nin os ripios dunha autobiografía liberadora de Narciso.
A serenidade foi o paso seguinte, a valoración dos pequeños formatos que escondían entre finxidas columnas que se derrumban ó misterio poético da pintura, das cousas cotiáns, da intimidade que tamén pode ser autobiografía liberadora e experimental. E esa é a novidade e a actualidade de Artiaga, a capacidade empírica a partir dun modelo inicial que xamais perdíu o rumbo nin a conexión que o levou a valora-la pintura coma un reto confrontador do seu tempo e un compromiso coa súa circunstancia, que é tanto como dicir do seu entorno. Ese longo pasadizo que se establece entre as inquedanzas do momento que un está a vivir nun mundo poboado de imaxes que nos vencellan a todos e o seu proxecto persoal. Pero máis aló das texturas refuixentes, o encanto dos pequeños papéis condúcen-os a tenrura e a vida íntima que é necesario entrever na profundidade dos efectos visuais da nova ambigüedade compartida, un guiño cómplice entre o artista e a realidade do experimento. É dicir, o risco que ten que correr todo artista comprometido cunha realidade tan cambeante e antiparadigmática como a dos oitenta: desenrolar unha vía de concebi-la arte para sorprendernos —¡qué difícil é a sorpresa na pintura de hoxe!— fuxindo das referencias e dos modos semellantes que se dan en todas partes. Ser un mesmo.